Entrevista, Fundación Otero Pedrayo

Entrevista, Fundación Otero Pedrayo


Entrevista en AuriaTV
Mario González Sánchez
RAMÓN OTERO PEDRAYO
Naceu en Ourense o 5 de marzo de 1888. Fillo de dona Eladia Pedrayo —con quen estaría especialmente unido ao longo da súa vida— e de don Enrique Otero, médico que exerceu xenerosamente a súa profesión desde o Pazo de Trasalba, nos Chaos de Amoeiro.
O neno Ramón Otero criouse no seo dunha familia culta e liberal. Seu pai fora defensor de Curros fronte á inimizade da reacción conservadora local e a súa casa —sobre todo a de Ourense, na rúa da Paz— era centro de parladoiros polo que pasaron Emilia Pardo Bazán e outras destacadas figuras da intelectualidade galega do solpor do século XIX.
Otero naceu nunha rúa que era daquela o centro do paseo dos señores, ao lado do Teatro Principal, núcleo da actividade cultural dunha cidade de forte fasquía rural que contaba naquel tempo cuns doce mil habitantes. Na súa mesma casa, no primeiro piso, naceu e criouse o neno Vicente Martínez-Risco e Agüero. A amizade e mutua influencia intelectual será permanente ao longo da vida dos dous máis destacados membros da Xeración Nós.

Ramón cursa o bacharelato no Instituto de Ourense que hoxe leva o seu nome —no Xardín do Posío—, e tras a temperá morte de seu pai pasa a Santiago para seguir os estudos de Filosofía e Letras, que ha rematar en Madrid. Na capital española, onde acudira devecente de acadar unha definición e formación intelectual conforme aos tempos, le tan intensa como asistematicamente obras de xeografía, historia, filosofía e literatura. As lecturas literarias que máis o cobizan son as de Baudelaire, Verlaine, Balzac, Stendhal e Chateaubriand. Esta etapa de tenteos e indecisións sobre o futuro intelectual e o seu compromiso co mundo exterior sería maxistralmente recreada na súa novela Arredor de si.

O principal da súa obra literaria foi escrito entre a segunda metade da década dos anos vinte e a primeira dos trinta do século pasado; daquela podemos dicir que o autor, que xa pasaba dos corenta anos, achégase á literatura galega iniciando a súa plena madurez.

O PAZO MUSEO OTERO PEDRAYO
A fundación Otero Pedrayo e a súa Asociación de Amigos, tratan de manter viva e activa a lembranza literaria e científica dun personaxe como o que lles dá nome, e de proxectaren no presente o referente ético que lle outorgou no seu tempo o sobrenome de Patriarca das Letras Galegas.
O Pazo Museo de Otero Pedrayo encóntrase situado no lugar de Cima de Vila, parroquia de Trasalba, onde o Concello de Amoeiro deixa de ser xeograficamente Os Chaos para converterse en bocarribeira sobre os ríos Barbantiño e Miño. O acceso pódese facer ascendendo desde as ribeiras do Miño (Santa Cruz do Arrabaldo, na estrada Vigo-Ourense) cunha impresionante vista sobre as terras de ribeira, ou ben desde a estrada Ourense-Santiago, atravesando Os Chaos de Amoeiro desde Tamallancos ou Cambeo.
O pazo consérvase como estaba en vida de don Ramón, pero na actualidade ofrece tamén unha serie de servizos para o público: salón de actos, tenda de libros e recordos, biblioteca —con ficheiro duplicado na Biblioteca Pública Provincial de Ourense— e sala de lectura e consulta.
Os seus fermosos xardíns e os contornos naturais e paisaxísticos convérteno nun lugar engaiolante e inigualable.
No seu exterior existe ademais unha área recreativa con mesas, fonte e asentos de pedra.

 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Entrevista a Salomé y Mariló Fdez. Senra

Entrevista a Magdalena del Amo

Entrevista a Eva Paz, Pub Balvís 54